Visita sen puntos do Santiago Futsal ao Colo Colo
O equipo compostelán afrontaba hoxe en Zaragoza un duelo contra outro rival directo na vixésimo terceira xornada da Segunda División da LNFS. Na súa procura pola permanencia os galegos tiveron enfronte a un Colo Colo necesitado de puntos, e que fixo todo o que estivo na súa man para quedar cos tres puntos e igualar así ao seu rival na táboa clasificatoria.
O partido comezou cun empuxón do Santiago. Primeiro cun balón ao traveseiro de Dani Blanco pouco despois do asubío inicial, e despois cun disparo de Peerapat que se foi desviado por centímetros. Aos 6 minutos, e despois dunha gran xogada colectiva, Adrián Pirata puxo o 0-1. Pouco durou a alegría para os visitantes, xa que Muniesa empatou 3 minutos despois, deixando o partido igualado de novo.
A contestación dos locais non quedou aí. Aitor, que xa avisara a Brais pouco antes, marcou o 2-1 no minuto 12, remontando así o tanto inicial do Santiago Futsal. Puido caer o terceiro no minuto 14, pero Brais evitouno cunha gran parada nunha situación dun para un.
Xusto cando máis apertaban os de Zaragoza, Adrián Pirata marcou o segundo para Santiago e a súa conta particular. O lucense, despois dunha bonita xogada individual, conseguiu bater a Basmalis e deixou o partido en empate ao final dos primeiros 20 minutos.
A segunda metade comezou sen oportunidades claras para ningún dos dous equipos. O público asistente tivo que esperar ata o minuto 28 para ver algo de perigo, cando Muniesa virouse rápido e xutou, salvando Brais para os Santiagueses. O xogador dos maños non se rendeu e, só un minuto despois, conseguiu o terceiro para os de Zaragoza.
O Colo Colo apertou máis, acaparando as ocasións e a posesión da pelota. No minuto 33 Carlos García ampliou distancias, poñendo así o 4-2 no marcador. Coa chegada do minuto 35, e despois dun dobre penalti errado por parte de Gascón, o equipo galego saíu con porteiro xogador pero foi incapaz de sacar proveito da situación de superioridade para achegarse no marcador.
“No principio do partido o equipo saíu concentrado e puido ser maior a vantaxe, xa que fomos superiores. Co empate empezaron as dúbidas e estivemos nunha situación de tensión que non soubemos manexar, e iso é algo que temos que aprender a facer para puntuar neste tipo de partidos. Vai vir ben esta semana de parón copeiro para recuperar e asentar a cabeza. De todos os xeitos, se somos A Resistencia é por algo, que ninguén dubide que faremos todo o posible para sacar isto adiante” comentou David Rial ao finalizar o encontro.
Ficha técnica
0-1 Pirata (Min. 6 )
1-1 Muniesa (Min. 9)
2-1 Aitor (Min. 12)
2-2 Pirata (Min.17)
3-2 Muniesa (Min.
29)
4-2 Carlos García (Min. 33)
Colo Colo Zaragoza: (Basmalis, Muniesa, Á. Gascón, D. Sancho, Carlos García, Condelly, Trasobares, Pasamón, D. Pardo, Abenia )
Santiago Futsal: (Brais García, A, Mirás, Brian Niebla, J. Gambín,
Porto, Montiel. Nito, Dani Blanco, Isma, Adrián Rodríguez, Peerapat, A.Recio)
No comments
Leave a reply
Recent Posts
-
Derrota do JERUBEX Santiago Futsal na súa visita ao Guillermo Molina.
16 Jan, 2021 -
O JERUBEX Santiago futsal disputa o seu segundo partido consecutivo contra Ceuta.
15 Jan, 2021 -
O JERUBEX Santiago Futsal non consegue a vitoria nun axustado partido.
9 Jan, 2021 -
O JERUBEX Santiago Futsal recibe ao U.A. Ceutí.
7 Jan, 2021 -
Saúl Marrupe non continuará no JERUBEX Santiago Futsal
4 Jan, 2021 -
Inicio de ano sen puntos para o JERUBEX Santiago Futsal.
3 Jan, 2021 -
En busca dos tres primeiros puntos de 2021.
30 Dec, 2020