O JERUBEX Santiago Futsal non consegue a vitoria nun axustado partido.
No seu segundo partido consecutivo como local no 2021, o JERUBEX Santiago Futsal recibía ao Unión África Ceutí na celebración do aprazado da Xornada 3 da Segunda División da LNFS. Os locais afrontaban o partido coa necesidade de sumar ante un rival que se atopaba na parte media da táboa clasificatoria, pero que non ía poñer as cousas fáciles.
Co asubío inicial Cachón puxo a proba P. Liñeira con tres disparos afastados que o meta sacou ben cara ás esquinas. Cristian respondeu para Santiago nada máis pisar a pista, tendo que sacar Cabezón cos pés en dúas ocasións.
Ceuta mantivo a posesión e a maior parte das oportunidades nos 10 primeiros minutos, conseguindo Anuar un gol no 8 cun dereitazo que os poñía por diante. Brian probou de lonxe para Santiago e Orellana buscou ampliar distancias, pero foi Cristian quen empatou tras unha gran xogada de Porto desde o medio campo no minuto 15. Pouco durou a alegría nos de Santiago, pois Everton conseguiu poñer por diante de novo aos seus dous minutos despois desde a banda dereita.
A segunda parte comezou accidentada, tendo que abandonar Dani Blanco o campo por lesión. Everton fallou unha ocasión a porta baleira e, no minuto 23, Smail poñía o terceiro para os visitantes ao bater a Liñeira desde fóra da área. Puido poñer Ceuta o cuarto, pero os paus salvaron en dúas ocasións.
Foi Quintás quen achegou aos seus, cun disparo de estratexia que se coou entre as pernas de Dani Cabezón, no minuto 27. No 29, tras discutir un máis que claro penalti sobre Alberto Mirás que os árbitros non pitaron, o técnico santiagués viu a súa segunda amarela, quedando así expulsado.
Pasaban os minutos cun Ceuta que buscaba máis para gañar tranquilidade e un Santiago que non lle valía o resultado. Quintás e Everton encabezaron o perigo por parte dos seus equipos.
Un traveseiro volveu salvar a Santiago de encaixar gol no 36 e estes contestaron con porteiro xogador no 37 tendo unha ocasión nos últimos segundos, pero o partido terminou cunha axustada derrota pola mínima.
O adestrador local, David Rial, comentou na rolda de prensa posterior ao
partido que “foi un encontro igualado, que se decidiu por pequenas accións. Non
entramos ben no partido, en comparación coas anteriores xornadas, e non
acabamos de sentirnos cómodos. Cando nos puxemos 1-1 tivemos a mala fortuna de
que nos xeran o segundo ao pouco tempo. Na segunda metade melloramos, e esa
xogada de penalti puido cambiar o devir do encontro. Quixémolo e tentámolo,
quedándonos preto. Toca pensar na semana que vén para poder resarcirse “.
JERUBEX Santiago Futsal: Alberto Mirás, Brian Niebla, Porto, Álex Ares, Cristian, Dani Blanco, Matos, Lucho, P. Liñeira, Alán, Quintás, Boado.
UA Ceutí: Dani Cabezón, Jaime, Abraham, Manu Orellana,We Casas, Alamillos, Anuar, Everton, Jose Mari, Smail, Cachón, Galán, Santi, Sufián.
Goles:
Min 07. 0-1 – Anuar
Min 15. 1-1 – Cristian
Min 17. 1-2 - Everton
Min 23. 1-3 – Smail
Min 27. 2-3 – Quintás