Traballado punto do JERUBEX Santiago Futsal en Móstoles
O JERUBEX Santiago Futsal viaxaba este sábado a Móstoles para disputar o seu partido da doceava xornada da Segunda División da LNFS. Os galegos chegaban coa intención de sumar puntos no PM Villafontana contra un rival no que perderan en Santa Isabel por 1-3.
Co asubío inicial os de Santiago puxeron a proba a Recio con dous disparos seguidos de Quintás e Álex Ares. O FS Móstoles contestou mantendo a posesión de balón nos primeiros minutos, nos que houbo poucas ocasións rivais e Brian puido desequilibrar o marcador con dous golpeos na mesma xogada.
Ao Santiago custáballe saír co balón controlado, pero defendía ben a circulación de balón dos locais. A partir do minuto 10 o Móstoles tivo ocasións máis claras, cun Brais impecable que non permitía que se movese o resultado.
Con 15 minutos disputados o Santiago chegou ás súas 5 faltas, subindo un pouco a velocidade do partido e condicionando a defensa dos visitantes. Os galegos aproveitaron a súa oportunidade no minuto 18, cando Dani Blanco rescatou un pase longo, fixo un chapeu a Recio e puxo o 0-1 no marcador. Guille estivo a piques de mandar o partido en empate ao descanso, pero o pau evitouno para a alegría dos visitantes.
A segunda metade comezou con presión alta de Móstoles e a intención de darlle a volta ao marcador. No 22, tras un erro na saída de balón visitante, Ruiz puxo o 1-1 tras bater a Brais. Tras ese resultado Móstoles tomou de novo a inciativa, con outro balón ao traveseiro no 27 de Jorge Martín.
O Santiago adiantou a súa presión co fin de tentar roubar en campo alleo a partir do minuto 30, pero unha falta ao bordo da área terminou por darlle a volta ao marcador cun gol de Carlos despois dunha xogada de estratexia.
A velocidade do partido multiplicouse, cos galegos presionando con empeño e defendendo os ataques dos seus adversarios e os de David Rial buscaron un empate que chegaría grazas a Alán no minuto 37 despois dun gran golpeo.
O partido tivo uns últimos minutos de infarto, con Móstoles apurando ao máximo as súas opcións de gañar e uns santiagueses que sacaron ao seu porteiro xogador, tendo Cristian unha boa oportunidade para a vitoria a un segundo para o final que lamentablemente non puido subir ao marcador.
“ Sabiamos que ía ser un partido
igualado e así foi. Ao principio da segunda parte sufrimos, pero as sensacións
do equipo son cada vez mellores e apuramos ata o final as opcións de gañar.
Competimos a un nivel moi alto pero temos que ser ambiciosos e empezar a sumar
de tres en tres para conseguir o obxectivo. Con esta actitude estou seguro de
que o faremos en próximos partidos” comentou o adestrador David Rial ao final
do partido.
JERUBEX Santiago Futsal: Brais, Alberto Mirás, Brian Niebla, Porto, Álex Ares, Cristian, Dani Blanco, Matos, P. Liñeira, Alán, Quintás.
Ciudad de Móstoles: Humanes, Recio, Guille, Mati, Pedro, Carlitos, Chispi,Cristian, Joni, Jorge Martín, Kiki, Pitu, Samu, Victor, Ruiz
Goles:
Min 18. 0-1 – Dani Blanco
Min 32. 2-1 - Carlos
Min 37. 2-2 – Alán