Previa: FS Móstoles vs JERUBEX Santiago Futsal
Con 4 partidos restantes para terminar a primeira fase da competición, o JERUBEX Santiago Futsal tentará sumar todos os puntos posibles para conseguir o obxectivo proposto a principio de tempada. Para iso, os santiagueses viaxan este sábado a Móstoles para enfrontarse ao terceiro clasificado da liga. Despois da súa derrota ante o Talavera FS, os de David Rial buscarán o desquite da xornada 5, onde os madrileños levaron a vitoria en Santa Isabel por 1-3.
Os brancos chegan con todo o persoal dispoñible, salvo Javi López, a un encontro contra un rival que aínda non se estreou no 2021, debido aos seus aprazamentos relacionados coa pandemia, disputando o seu último partido ligueiro antes de vacacións.
“Veñen dous partidos en catro días, o que será esixente para o grupo. Queremos manter esas boas sensacións da primeira parte contra Talavera e esirxirnos ese nivel durante 40 minutos. É un equipo ofensivo e alegre, cun xogo de 4 moi definido que xa vimos no partido da primeira volta” comentou o adestrador santiagués sobre o partido e o rival.
O equipo galego viaxará no día,
saíndo do Multiusos Fontes do Sar ás 8
da mañá do sábado en autobús. O partido celebrarase ás 18:30 no PM Villafontana,
con retransmisión en directo por Youtube a través da canle do club local. A
expedición volverá ao terminar o partido, chegando na madrugada do domingo.