Vitoria de mérito para rematar a primeira fase
O JERUBEX Santiago Futsal viaxaba a Rivas na última xornada desta primeira fase da competición co obxectivo de sumar tres puntos que lle permitisen comezar a nova etapa con bo pé, e así foi.
O partido comezou cun gol temperán aos 10 segundos de Vargas, tras recuperar o saque de inicio dos galegos. Os de Santiago reaccionaron con oportunidades de Cristian e Álex Ares, pero Quiles desviou á esquina en ambos os casos. Os visitantes apertaron máis e, tras unha parede con Brian, Quintás empatou o partido no minuto 4.
Despois dun intercambio de golpes, nos que a posesión non duraba moito a ningún dos conxuntos, consumouse a remontada aos 8 minutos grazas a Porto cun gran golpeo desde a esquerda que se coou pola escuadra rival. Tan só dous minutos despois ampliaríase a diferenza con outro gol de Cristian Bernal, ao superar a Quiles no un para un polo lado dereito do porteiro.
Tras o tempo morto solicitado polos de Rivas, os locais comezaron manter a iniciativa. Tentaron achegarse a través de Rubio no 15, pero entre Brais e o pau conseguiron desfacer o perigo. Vargas, de novo no 17 e tras unha boa xogada persoal, recortou no marcador e puxo o 2-3 co que o partido se foi ao descanso.
A segunda metade iniciouse con máis goles, pero esta vez dos visitantes. Cristian Bernal escapouse en solitario e marcou o seu segundo da tarde, esta vez polo pau curto. Case sen tempo a reaccionar Álex Ares recuperou un balón na área rival e puxo o quinto e último dos de Santiago no 23.
A partir dese momento os locais tomaron o mando do partido con respecto á posesión. Rivas repúxose a este último tanto cando Hugo devolveu a xogada dous minuto despois, quedando de novo a dous de distancia no 25. No 28 sacaron ao seu porteiro xogador, tocando con calma para buscar un oco que lles permitise engancharse ao partido.
A gran defensa de 5 para 4 dos galegos, que durante case 10 minutos aguantou o asedio rival, non deixaba opción e os locais cada vez eran máis imprecisos. Cando se chegou ao minuto 40, case sen ocasións reseñables para os madrileños, o luminoso marcou un 3-5 que lle dá ao JERUBEX Santiago Futsal un triunfo co que finaliza esta primeira fase de competición.
David Rial comentou sobre o partido que “a liña do equipo era ascendente,
reflectíndose na semana de adestramentos como comentaramos, e fixemos un bo
partido, sendo xustos vencedores e certificando esas boas sensacións. Os
encontros como hoxe permítennos seguir crendo no traballo que estamos a
realizar día a día, e temos que manter a liña para seguir puntuando e
crecendo”.
CD Rivas: J. Quiles, Alberto, Vargas, Rafita, Ballano, Miguel Rubio, Miguel, Hugo, Chinés, Cifu, Adri Oro, Rubén.
JERUBEX Santiago Futsal: Brais García, Alberto Mirás, Brian Niebla, Porto, Álex Ares, Cristian, Dani Blanco, Matos, Lucho, P. Liñeira, Alán, Quintás.
Goles:
Min 01. 1-0 – Vargas
Min 04. 1-1 - Quintás
Min 08. 1-2 – Porto
Min 11. 1-3 - Cristian Bernal
Min 17. 2-3 - Vargas
Min 21. 2-4 - Cristian Bernal
Min 23. 2-5 - Álex Ares
Min 25. 3-5 -
Hugo